Poio reservará máis de medio cento de aparcadoiros dos 160 que creará en Combarro

POIO> O concello de Poio actuará para poñer fin aos problemas de aparcadoiro na parroquia de Combarro. Farao contando con cinco terreos da zona cedidos polos seus propietarios. Tralo seu acondicionamento, o goberno local prevé habilitar ao redor de 160 prazas de aparcadoiro. Delas, máis de medio cento estarán reservadas para os residentes do centro de Combarro.

Máis de medio cento de prazas de aparcadoiro reservadas para os veciños no centro de Combarro. Este é o obxectivo do concello de Poio no marco do seu plan de dotación de estacionamentos. Habilitaranse en parcelas particulares cedidas polos seus propietarios, na Costa de Abaixo, no Camiño Real e entre Cela e Padrón.

A Policía Local encargarase de velar pola correcta utilización destes aparcadoiros. Estes espazos acollerán ademais novas prazas abertas para toda a veciñanza e os visitantes. Un total de 160 aparcadoiros de nova creación nestes máis de 6.000 metros cadrados que o concello incorpora a este servizo.

Ademais, de cara ao futuro o concello tamén prevé repetir dotar como prazas para residentes, de xeito temporal, espazos na Baixada á Chousa e na Rúa Maceira, só durante a tempada estival.

A maiores, o departamento municipal tamén chegou a un acordo co Mosteiro de Poio para a cesión de dúas parcelas na Pinela, que suman preto de 3.5000 metros cadrados, e que se destinará a aparcadoiro libre. A intención do concello é seguir coas xestións para continuar ampliando prazas e garantir o estacionamento das persoas residentes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí