Malestar en Noia por un novo episodio de turbidez da auga

NOIA> Dende o Concello piden cautela no consumo da auga.

Fontes municipais aseguran que non afecta a todas as zonas do municipio por igual, e que en algúns puntos do Concello nin se aprecia esta turbidez.

Aseguran ademais que as analíticas realizadas marcan parámetros moi por debaixo dos límites permitidos, pero aínda así seguen con preocupación este problema, na busca dunha solución.

O alcalde, Santiago Freire, asegurou que este tipo de episodios prodúcense varias veces ó longo do ano, especialmente no inverno.

Segundo el nos últimos anos reducíronse moito grazas ás melloras realizadas na estación potabilizadora. Agardando a que se solucionen dunha vez coa reforma e mellora prevista para a planta na que Augas de Galicia vai investir 1’3 millóns de euros.

Pola súa banda a Marea vén de facerse eco tamén deste problema esixíndolle ó alcalde que emita unhas directrices sobre o consumo de auga.

O voceiro desta formación, Manolo Seijas, critica a postura do Concello que pide cautela, pero non informa de se se pode consumir a auga ou non.

A Marea lembra ademais que nun pleno recente aprobouse unha proposta para mellorar o plan de autoprotección e a vixilancia dos ríos, pero que o grupo de goberno aínda non convocou unha xuntanza relativa a esta proposta.