Outes presenta o cartel das Festas do Santiaguiño 2024

OUTES> Outes prepárase xa para as súas festas grandes, as do Santiaguiño, que se prolongarán do 24 ó 28 deste mes de xullo.

O programa deste ano será do máis variado, ofrecendo á par dos actos relixisosos, un cargado cartel de actividades que incluirá degustacións gastronómicas e moita música.

Ás tradicionais verbenas coas orquestras La Oca Band, Grupo Origen e Orquestra Trebol, uniránselle este ano os concertos de Andrés Balado, cun tributo ós clásicos do rock, Xurxo Fernandes, De Ninghures ou da Escola Tradicional Municipal e da Banda de Música Municipal, entre outras.

Sen dúbida un dos días máis importantes dos festexos será o domingo 28, Día de San Cristovo, no que se celebrará a singular caravana de vehículos que recorrerá as rúas da vila para rematar coa tradicional sardiñada.

Coma novidade este ano, o Concello celebrará tamén o Día do Sancosmeiro, animando a toda a veciñanza a lucir este emblemático sombreiro nos concertos do día 26.