BOIRO> A casa da cultura Ramón Martínez López acolle a exposición fotográfica ‘Fillos do océano’ de Javier Teniente. A mostra, promovida por Afundación e Abanca, poderá visitarse ata o día 3 de outubro.
‘Fillos do océano’ é o título da exposición de fotografías realizadas por Javier Teniente que, dende esta mañá, e durante todo o mes de setembro, se poderá visitar na casa da cultura Ramón Martínez López de Boiro. A mostra é posible grazas á colaboración entre o Concello, ABANCA e Afundación.
Trátase dun proxecto que documenta, con fotografías realizadas en diferentes lugares do mundo, a forma de vida da pesca artesanal. En definitiva e, en palabras do propio autor, é unha homenaxe ós homes e mulleres que viven do mar e para o mar.
Dende o Concello agradeceron tanto Afundación como Abanca, o feito de ter escollido Boiro para poder acoller esta exposición, que ademais está moi vinculada á tradición mariñeira do municipio.
A mostra permanecerá aberta ó público ata o próximo día 3 de outubro.