A Feira Medieval de Noia celebra o seu 25 aniversario con catro días de festa

NOIA> Noia prepárase para acoller unha das súas festas máis multitudinarias. A Feira Medieval celebra este ano o seu 25 aniversarios con catro días de festa, do 18 ó 21 de xullo,  nos que a vila noiesa retrocederá ás súas orixes.

De xoves a domingo, Noia voltará á Idade Media cunha das edicións máis especiais da súa feira medieval posto que este ano cumpre xa un cuarto de século. Unha data na que ademais de aumentar a partida orzamentaria incrementáronse tamén os días de celebración. Entre as actividades previstas destaca como novidade un desfile infantil que se  celebrará o xoves.

Sumarase ás ás citas habituais como o mrecado medieval con 170 postos, o desfile de fachos conmemorando o Portus Apostoli, os concertos no Tapal e no Curro e as exhibicións e torneos de cabaleiros.

Dada a gran afluencia de público prevista, dende o concello deseñaron un amplo dispositivo de seguridade integrado por policía, protección civil, Cruz Vermella e mesmo seguridade privada. O cartel deste ano, obra de Suso Xogaina , representa a igrexa de Santa María A Nova como símbolo de Noia.