PONTEVEDRA> O instituto Sánchez Cantón de Pontevedra cumpre puntualmente coa súa cita co Samaín. O centro volveu transformar a zona do paraninfo no seu particular Túnel do Terror. A cargo do alumnado do Ciclo Superior de Ensino e Animación Sociodeportiva, o espazo resucitou o mítico Cine Malvar da cidade. Enchendo as súas salas de coñecidas personaxes de películas de terror. E, por suposto, de berros dos seus compañeiros de instituto.
Trinta anos despois de que se apagara o seu proxector, as películas volven dende o alén ao Cine Malvar polo Samaín.
Pero este Cine Malvar non é igual ao que moitos pontevedreses terán na súa memoria. Está recreado no Instituto Sánchez Cantón, convertido nun túnel de terror e nun proxecto do alumnado do Ciclo Superior de Ensino e Animación Sociodeportiva.
Así as personaxes de clásicos, como It ou El Exorcista, ou de títulos máis novos, como Saw ou La Purga, toman as diferentes salas. Mergullando aos seus compañeiros de instituto nunha experiencia de puro terror.
O percorrido que fan os participantes dura ao redor de cinco minutos. Pero detrás hai moito labor do alumnado do ciclo. Traballan arreo durante un mes para que todo saia á perfección.
O que é indiscutible é que nos seus dez anos de vida este ‘Túnel de Terror’ do Sánchez Cantón tense convertido nunha das actividades máis populares do centro. Todos, asustadores e asustados, agardan expectantes a proposta e que esta particular porta co alén volva abrir polo Samaín.










