PONTEVEDRA> A Audiencia Nacional decide sobre o futuro de ENCE en Pontevedra. A sala encargada reuniuse hoxe para determinar se a prórroga ata o 2073 concedida polo goberno en funcións de Mariano Rajoy foi legal ou non. Ao peche desta edición descoñecíase o resultado das deliberacións, que poderían tardar varios días en facerse públicas. Así as cousas, o tema foi protagonista da axenda política Pontevedresa.
Decidir se a prórroga que o goberno en funcións de Mariano Rajoy concedeu a ENCE para permanecer en Lourizán ata o 2073 é legal ou non. Esta é a cuestión sobre a que ten que pronunciarse a Audiencia Nacional, que hoxe se reuniu para deliberar sobre os recursos presentados polo concello de Pontevedra, Greenpeace e a Asociación pola Defensa da Ría.
Tanto o alcalde como a APDR xa anunciaron que, se a sentenza dá luz verde á prórroga, recorrerán a decisión, dispostos incluso a chegar á xustiza europea. Se finalmente a Audiencia Nacional se pronuncia en contra, ENCE terá que marchar no 2033.
Fernández Lores destacou a postura do comité de empresa, que na reunión que mantiveron todas as partes en Madrid coa Ministra de Transición Ecolóxica apostaron por buscar alternativas á ría. Algo no que tamén insiste o outro partido do goberno pontevedrés, o PSOE.
Quen non ve viable esta opción é a Xunta de Galicia. A administración autonómica e o Partido Popular alíñanse coa pasteira, e ven a súa continuidade en Lourizán como a única opción.
A decisión da Audiencia Nacional coñecerase nos vindeiros días.