PONTEVEDRA> Os colexios prepáranse para a volta ás clases. Unha volta moito máis atípica do habitual pola crise da Covid e na que as máscaras e o hidroxel serán os grandes acompañantes dos máis pequenos. En canto ás instalacións, moitos centros están aínda adaptando as aulas ao protocolo marcado pola Xunta de Galicia.
Frechas que sinalan os accesos, puntos Covid en cada aula e distancia de seguridade entre os pupitres. Así será este curso escolar. A dous días de que comecen as clases, centros coma este prepáranse para unha volta ao cole atípica.
Un dos primeiros cambios nesta volta ao colexio é a distribución nas clases. En primaria, os alumnos traballarán en aulas burbulla coma esta.
En secundaria a situación é moito máis complicada xa que entre as mesas deberá haber metro e medio de distancia. Para conseguilo, centros coma este terán que tirar paredes para facer aulas máis grandes.
Estes problemas dentro das aulas esténdense tamén aos patios. Espazos coma este deberán adaptarse para acoller os recreos dos alumnos.
En caso de algún contaxio no centro, os colexios contan cun protocolo marcado pola Xunta de Galicia.
En canto aos pais, o seu acceso ao centro estará completamente prohibido e, por iso, este colexio habilitou diferentes zonas para que as familias esperen polos seus fillos.
A pesar de que este colexio ten xa marcado o seu protocolo, é inevitable que existan dúbidas e incerteza entre as familias, algo que tamén se estende aos profesores.
Este xoves, os alumnos de Primaria regresarán as clases. Unhas aulas que son moi distintas ás que deixaron no anterior curso e nas que o máis importante será sempre garantir a seguridade entre toda a comunidade educativa.