Efectivos de seguridade marítima poñen a proba os seus protocolos nun simulacro no porto de Laxe

LAXE> A seguridade marítima púxose a proba esta fin de semana no porto de Laxe, na Coruña. A dársena acolleu o despregamento dun espectacular operativo, no que efectivos da Armada e de Gardacostas se enfrontaron á recreación de situacións como a pesca ilegal, verteduras de combustible e evacuación de feridos graves. A proba enmarcouse no MARSEC-25, impulsado pola Armada e a Secretaría Xeral de Pesca, en colaboración coa Xunta, Portos de Galicia e a Real Liga Naval Española, entre outros.

Este sábado, o Porto de Laxe comezou a bulir de actividade fóra do común antes das 10 da mañá. Foi o escenario escollido para realizar un gran simulacro de seguridade marítima.

Foi unha chamada dende unha embarcación recreativa a que poñía en alerta aos efectivos ao detectar a posible actividade ilegal deste pesqueiro. Activábase así o escenario IV.

Pero os efectivos tiveron que enfrontarse a varias complicacións. O pesqueiro negouse a ser inspeccionado. Houbo unha agresión que deu como resultado un tripulante ferido que caeu ao mar e que tivo que ser rescatado e trasladado a porto. Ademais, unha sabotaxe provocou unha vertedura de combustible no mar, que obrigou a recorrer ao servizo de Gardacostas de Galicia, mobilizando o patrulleiro Punta Festiñanzo e o remolcador Sebastián do Campo.

Un importante esforzo de coordinación entre Armada, Gardacostas, Segepesca, Policía Local, Protección Civil e sanitarios que se prolongou durante as case catro horas que durou o simulacro.

A proba enmarcouse no MARSEC-25, impulsado pola Armada e a Secretaría Xeral de Pesca, en colaboración coa Xunta, Portos de Galicia e a Real Liga Naval Española, entre outros.