Unha perruqueira de Pontevedra pon extensións e perrucas de xeito gratuíto ás mulleres con cancro

PONTEVEDRA> Axudar ás mulleres con cancro a recuperar a súa autoestima. É un dos obxectivos polo que hai xa once anos traballa Jossy Peralta. Dende o seu negocio en Pontevedra, Extensiones Jossy, elabora e coloca extensións de cabelo natural ás clientas que perderon o seu pelo polo impacto dos tratamentos de quimioterapia. Un labor que fai, ademais, de xeito gratuíto. Ata ela xa se achegaron mulleres de toda Galicia e mesmo doutros puntos de España.

Dende este salón de peiteado na rúa Estrada, en Pontevedra, Jossy Peralta axuda a persoas que pasan algúns dos peores momentos das súas vidas. Chegan ata ela mulleres enfermas de cancro, que perderon o pelo polo tratamento de quimioterapia. Tras pasar polas súas mans, recuperan parte da súa imaxe anterior. E todo de xeito gratuíto.

Conta que esta iniciativa comezou polo seu desexo de poñer o seu gran de area. O cancro golpeou con forza na súa familia. A última, cando perdeu a súa irmá por esta dura enfermidade.

Dende entón, pasaron polo seu salón clientas de dentro e de fóra de Galicia. Mesmo ten enviado perrucas a outros puntos de España, como no caso dunha nena que contactou con ela dende León a través de Instagram.

No seu establecemento, Jossy traballa da man das súas clientas para conseguir o resultado co que estean máis cómodas. Moitas das extensións ou perrucas fabrícanse con pelo doado por salóns de peiteado que colaboran con ela. Noutros casos, mesmo é cabelo da propia clienta que o corta antes de comezar co tratamento.

Con moitas delas, Jossy segue a manter o contacto. Porque nas tres horas de media que dura a colocación dunhas extensións, entre ela e estas mulleres créase un vínculo que vai aló dunha relación perruqueira- clienta.

Un traballo duro pero gratificante. Polo que Jossy Peralta recorda que as súas redes sociais e as portas do seu local da rúa Estrada están abertas ás mulleres que precisen do seu bo facer para coller pulo no seu proceso fronte ao cancro.