VILAGARCÍA> Ducias de xubilados concentráronse esta mañá en Vilagarcía en defensa das súas pensións. Consideran que a suba do 0,25 aprobada este ano polo Goberno é unha “tomadura de pelo”. As reivindicacións dos pensionistas estendéronse hoxe polas principais cidades de España.
Os xubilados tomaron esta mañá as rúas das principais cidades de España en defensa do sistema de pensións. En Vilagarcía, a céntrica praza de Ravella acolleu unha desas concentracións. Os pensionistas consideran insuficiente a suba do 0,25% das súas pagas. Moitos recoñecen que non lles cadran as contas para chegar a fin de mes e consideran insultante o incremento aprobado polo goberno.
Os manifestantes tamén cargaron contra o fomento dos plans de pensións privados. Reclaman unha defensa clara do sistema público de pensións, como un dereito fundamental de todos os españois.
Moitos dos concentrados esta mañá en Vilagarcía recoñecían sentirse decepcionados coas políticas sociais do executivo de Rajoy e do Partido Popular.
Ademais de ducias de pensionistas anónimos, á concentración tamén se uniu o alcalde de Vilagarcía.