A Panorama estreará nas festas de Santa Rita de Vilagarcía o seu novo espectáculo

VILAGARCÍA> Vilagarcía desvelou hoxe a programación de Santa Rita 2025. As festas prolongaranse do 21 ao 25 de maio convertendo a cidade nun gran escenario do que hoxe denominaron como unha gran romaría popular urbana. A orquestra Panorama estreará no marco destas festas o seu novo espectáculo. Tamén actuarán Os Satélites e Marbella e a banda The Rapants. A isto hai que sumar a Feira Celta, propostas infantís e tamén distintas citas deportivas.

Conta atrás en Vilagarcía para Santa Rita 2025. As festas terán lugar do 21 ao 25 de maio cunha máis que completa programación. Ademais das orquestras Panorama, Os Satélites e Marbella, ofrecerase un concerto de The Rapants e haberá outras moitas propostas para todas as idades. Hoxe o alcalde na presentación dos festexos falaba de que Santa Rita é unha auténtica romaría popular urbana.

Das orquestras salienta a visita da Panorama que estrea en Vilagarcía o seu novo espectáculo. Vai ter lugar en Fexdega ante a previsión dunha gran afluencia de público.

Ademais de distintos grupos locais, pasarrúas e a banda de música de Vilagarcía, pecha os contidos musicais o grupo The Rapants.

E completan o programa distintas propostas infantís.

Tampouco ha faltar este ano a Feira Celta no parque da Xunqueira ou distintas citas deportivas que o concello incorpora tamén a esta programación festiva: a celebración do Campionato Galego de Pesca Submarina, a III Regata de Santa Rita, o IV Torneo Santa Rita de Rugby 7 e a competición de minibalonmán na praza da II República.