O BNG preséntase como a única alternativa ao ‘bloque reaccionario’ e chama a votar o 29N

PONTEVEDRA> O BNG comeza a súa carreira cara as eleccións estatais do vindeiro 29 de novembro. Esta mañá dende Pontevedra o deputado Néstor Rego e a senadora Carme da Silva puxeron en valor o traballo realizado nesta lexislatura. Presentaron á formación como o único garante da defensa dos intereses de Galicia en Madrid e como a verdadeira alternativa ao que deron en chamar bloque reaccionario. De cara ao 29N agardan mellorar os resultados, cunha campaña dirixida ao seu electorado e aos decepcionados por outras formacións.

O BNG xa mira cara as eleccións estatais do vindeiro 29 de novembro. Esta mañá dende Pontevedra fixeron fincapé a importancia de ter representación en Madrid.

Deputado e senadora puxeron en valor o traballo realizado nestes anos. Entre as medidas que atribuíron á negociación do BNG, están a ampliación das bonificacións da AP9, a extensión dos permisos de maternidade e paternidade a 19 semanas ou o reforzo dos recursos á dependencia.

A formación preséntase, ademais, como a única alternativa posible para frear a Partido Popular e VOX.
Deste xeito, o BNG confía en mellorar os resultados dos últimos comicios, cando quedou a algo máis de 6.000 votos de conseguir un deputado pola provincia de Pontevedra.

Aínda que o máis probable é que tanto Néstor Rego como Carme da Silva repitan como cabezas de lista polas provincias da Coruña e Pontevedra, respectivamente, a decisión tena que tomar o Consello Nacional do BNG. Está previsto que se reúna este sábado.