Cultura comprométese a restaurar varias figuras do patrimonio histórico de Noia

claustronoia_100_280907.jpgNOIA > O tenente alcalde de Noia e a edil de Cultura solicitaron a Ánxela Bugallo a recuperación de varias figuras do patrimonio histórico da vila.

Entre elas, a capela románica e o peto das ánimas de Santa Cristina de Barro ou o claustro do convento dos franciscanos.

Ánxela Bugallo amosou un gran interese polo proxectos presentados polos responsables municipais e comprometeuse a contempla-la súa execución en próximos orzamentos.

Segundo os informes técnicos realizados, tanto a capela como o peto das ánimas atópanse en mal estado de conservación, o que fai aínda máis urxente a súa recuperación. No referente ó claustro do convento dos franciscanos, no interior da casa do concello, aínda que a zona norte e oeste están ben conservadas, as zonas sur e leste atópanse en moi mal estado.

Durante a xuntanza coa titular de Cultura, tamén se abordou a ampliación do Museo de Laudas proxectada pola Dirección Xeral de Patrimonio para a súa posta en valor.

Reclamación

Tamén o actual estado do teatro Coliseo Noela ocupou parte da xuntanza. Os responsables do concello noiés solicitaron á Conselleira que curse unha reclamación á empresa adxudicataria da obra por vicios ocultos na construción.

Bugallo amosou a total vontade e colaboración para solucionar os problemas que presenta este inmoble e poder empezar canto antes coa programación cultural.

Finalmente, a Conselleira tamén se interesou por outros proxectos que ten previsto promover o executivo local como a creación da Fundación Avilés de Taramancos ou a posta en marcha do programa Noia, Vila do Libro.

Redacción Barbanza