Acordo unánime en Pontevedra para atopar unha solución urxente á falta de auga potable no colexio de Xeve

PONTEVEDRA> Unanimidade no pleno municipal de Pontevedra para buscar unha solución ao problema de abastecemento de auga potable no colexio de Xeve. PP, BNG e PSOE apoiaron a moción levada á sesión polos socialistas, reclamando ao concello a toma de medidas urxentes para rematar cunha situación que se prolonga xa 15 meses. O debate foi seguido dende o público por un grupo de representantes da comunidade educativa do centro.

Xa hai quince meses que no centro educativo de Xeve, en Pontevedra, non teñen auga potable. O pozo do que se abastecían presenta elevados niveis de manganeso, polo que a auga non é apta para o consumo humano.

Hoxe representantes da comunidade educativa estiveron como público no pleno da corporación de Pontevedra. PP, BNG e PSOE apoiaron a moción levada á sesión polos socialistas, reclamando a busca dunha solución inmediata a esta situación.

Dende o BNG, o concelleiro Demetrio Gómez asegurou que o concello está a traballar para atopar unha solución.

Os reproches máis duros chegaron dende as filas do Partido Popular. Rafa Domínguez acusou ao concello de inacción.

Aínda que dende o público os representantes da comunidade educativa celebraron a aprobación da moción, non agocharon o seu escepticismo. Insistiron en que hai que tomar medidas urxentes.

A iniciativa instará tamén á Consellería de Educación a realizar unha inspección técnica do colexio e, entre outras medidas, retirar o amianto do seu falso teito, substituír as calexas do pavillón ou renovar o parque da zona de educación infantil.