PONTEVEDRA> Hoxe en Pontevedra presentáronse os detalles do proxecto que a firma téxtil Mango ten para o centro da cidade. Será Mango Teen, dedicada á moda xuvenil, a liña da marca que desembarque na esquina de Benito Corbal con Daniel de la Sota. Unha macrotenda que se unirá á que Mango xa ten moi preto, localizada no edificio do Gran Garaxe, completando así un local de máis de mil metros cadrados. Os técnicos municipais estudan agora o proxecto. Segundo as estimacións da empresa, as obras prolongarase dous meses.
Mango mudará o aspecto desta equina de Benito Corbal con Daniel de la Sota, en pleno centro da cidade. A macrotenda que a empresa téxtil proxecta no número 6 da coñecida como ‘milla de ouro’ pontevedresa supón unha das maiores operacións de rexeneración urbana nesta zona.
Segundo o proxecto presentado no concello, para esta nova tenda de Mango Teen, dedicada á moda xuvenil, uniranse cinco locais en planta baixa, sumando máis de 1.000 metros cadrados. Integrará espazos como os ocupados por Foot on Mars ou Syco. Tamén a discoteca Lelé de Noite, cuxa saída de emerxencia por Benito Corbal será a entrada da nova tenda .
O investimento previsto supera o medio millón de euros. O proxecto contempla apostas innovadoras, como o uso de pintura ecolóxica especial de grafeno que ten capacidade para absorber CO2, ou solucións de economía circular.
O proxecto de Mango xa conta co visto bo de Patrimonio da Xunta, tendo en conta que a tenda está no ámbito do BIC da Peregrina. Ademais, estará unida co Gran Garaxe, edificio que xa acolle unha tenda da marca.
Os técnicos municipais estudan agora o proxecto. De cumprir os requisitos, o concello poderá conceder a autorización en 15 días para poder comezar os traballos. A empresa calcula que as obras poden prolongarse dous meses.











