PONTEVEDRA> O Partido Socialista de Pontevedra reclama a Xunta e a Deputación que se poñan dacordo para renovar o céspede e o sistema de drenaxe do Estadio de Pasarón. O voceiro socialista asegurou que ata o de agora as actuacións que se realizaron foron parches que non evitaron os continuo alagamento do terreo de xogo. Segundo os cálculos de Iván Puentes, o investimento roldaría os 500.000 euros.
A renovación integral do céspede do Estadio de Pasarón. É a reclamación que hoxe puxo sobre a mesa o Partido Socialista de Pontevedra.
Para evitar estes problemas, Puentes sinala que sería preciso refacer por completo o terreo de xogo. Incluíndo, tamén o seu sistema de drenaxe. Apunta a que a responsabilidade é da Deputación, que deixou sen rematar por completo a reconstrución de Pasarón.
Os socialistas cifran nuns 500.000 euros o custo da obra. Para levala adiante, reclaman á Deputación e á Xunta de Galicia que arrimen o ombreiro.
Iván Puentes apuntou a diferentes eivas técnicas do campo, como unha capa de grava e áridos demasiado fina, a obstrución da malla drenante ou que a superficie non conta coa inclinación precisa para favorecer que a auga corra cara os laterais.










