O altar maior, o órgano e o coro de Santa Clara xa son propiedade da Deputación de Pontevedra

PONTEVEDRA> En Pontevedra, novo desencontro entre o vicepresidente da Deputación Rafa Domínguez e o voceiro nacionalistas César Mosquera pola xestión de Santa Clara. Hoxe Domínguez anunciou a adquisición dos bens mobles do convento, como o altar maior ou o órgano por un prezo de 400.000 euros despois, dixo, dun longo proceso administrativo. Pola súa banda, Mosquera asegurou que a súa compra xa estaba recollida na escritura de compravenda de Santa Clara. E que agora foron as monxas as que reclamaron á Deputación o pago acordado unha vez esgotados os prazos.

A Deputación de Pontevedra xa é a propietaria dos retablos, o órgano e o coro de Santa Clara. O goberno provincial deu luz verde ao expediente para adquirir os bens mobles vinculados ao convento.

Segundo Domínguez, a compra ratificarase na xunta de goberno provincial do venres da vindeira semana. A Deputación terá que aboar á orde das clarisas 396.250 euros. Todo despois dun proceso administrativo complexo.

O voceiro provincial do BNG matizou o anuncio feito polo vicepresidente. Segundo César Mosquera, a escritura de compravenda do convento asinada no 2001 establecía que as clarisas tiñan catro anos para retirar estas pezas que mentres quedaban en depósito. O prazo rematou o 1 de decembro de 2025 e, ao non ser retiradas, a propiedade xa pasaba a mans da Deputación. Só quedaba pendente realizar o pago.

Entre os bens que agora pasan a ser patrimonio público está o órgano, datado no século XVIII. Domínguez prevé iniciar agora os pasos para a súa rehabilitación.

Ademais, o vicepresidente adiantou que a intención é retomar as visitas guiadas este mesmo verán, ao tempo que Santa Clara se incorpora ao programa Artes Vivas da Bienal de Pontevedra. Tamén avanzan, dixo, os estudos para a rehabilitación integral do convento.