PONTEVEDRA> Un Pacto de Vivenda de Galicia para trazar o camiño a seguir na comunidade ata o ano 2030. É o documento que hoxe asinaron en Pontevedra a Xunta de Galicia e representantes do sector da construción e outros actores implicados, co obxectivo de fomentar a colaboración público privada para solucionar o problema da vivenda que afecta á cidadanía. O acordo plantexa a mobilización de 7 mil millóns de euros para construír 2.000 vivendas de promoción pública e acadar así os 10.000 inmobles no parque público galego.
O segundo Pacto de Vivenda de Galicia asinouse esta mañá en Pontevedra.
Segundo o presidente da Xunta, esta folla de ruta é froito do acordo entre o público e o privado no seo do Observatorio da Vivenda de Galicia, no que están representados todos os colectivos do sector. Marca o camiño a seguir ata o 2030 para paliar o problema da vivenda.
Destas 10.000 vivendas, 8.000 xa están en construción ou cos trámites comezados, polo que se agarda que formen parte do parque público no 2028. Con este plan, a Xunta agarda mobilizar 7.000 millóns de euros de investimento público e privado e xerar ou manter sobre 60.000 postos de traballo no sector.
Ademais, Rueda apuntou que a Xunta ten a man tendida a todo tipo de colaboracións e iniciativas para afrontar esta problemática.
O Pacto de Vivenda da Xunta articúlase en catro liñas: facilitar o acceso á vivenda, impulsar a rehabilitación urbana, xestionar solo residencial e aplicar medidas transversais como innovación e axilización administrativa. Inclúe accións específicas para mozos e reforza a vivenda pública como eixo da política social e económica.











