Noia abrirá este domingo 22 o Calendario Galego de Andainas

NOIA> Noia abrirá este vindeiro domingo 22 de febreiro o Calendario Galego de Andainas da Federación Galega de Montañismo.

A proba, organizada polo Club Trabandainas, contará con dous percorridos, un longo de 25 quilómetros e outro curto de 15, con saída prevista as nove da mañá dende as inmediacións do instituto Campo de San Alberto.

Dende o Concello, que colabora na organización da proba, destacaron a importancia de poder acoller este tipo de iniciativas para reforzar a programación deportiva municipal e atraer participantes de diferentes puntos do territorio.

A andaina conta coa colaboración da Deputación da Coruña, Deporte Galego, Concello de Noia, Cruz Vermella Noia e outras entidades implicadas na organización. Ó finalizar a actividade realizarase un sorteo de agasallos e un xantar a base de paella para tódolos participantes.