A POBRA> Como cada ano, A Pobra volverá conmemorar o Día de Rosalía cun amplo programa de actividades en torno á figura da escritora. Ademais do acto institucional do día 23, desenvolveranse un concurso en colaboración cos centros educativos.
Achegar a literatura galega ós máis pequenos e poñer en valor a figura de Rosalía non só como escritora senón como valedora da lingua son algúns dos obxectivos do programa de actividades que desenvolverá o concello da Pobra.
Os actos institucionais terán lugar o luns 23 coa tradicional lectura de poemas e ofrenda cívica ante o busto de Rosalía que culminará co reparto de caldo de gloria. Ó longo de toda a semana desenvolverase tamén un concurso dirixido a escolares de primaria que deberán atopar as sete rosalías diferentes nos escaparates da trintena de comercios que se sumaron á iniciativa.
Os participantes entrarán no sorteo de medio cento de agasallos que se realizará o día 6 de marzo.











