PORTAS> As unitarias de Lantaño e Romai, no concello de Portas, precisan rapazada para evitar o seu peche. As escolas fan un chamamento ás familias para que no vindeiro curso matriculen alí os nenos e nenas. Nos dous casos polo de agora non contan co mínimo que esixe a Xunta para seguir abertas. As mestras destacan que nestas escolas se ofrece un ambiente familiar, próximo e acolledor, no que cada pequeno medra ao seu ritmo, en contacto coa contorna e a comunidade. Destacan que as unitarias forman parte da identidade de Portas e que mantelas abertas é darlle vida ao rural.
Ir ao cole é outra historia se imos ás unitarias de Portas. Neste concello aínda quedan dúas escoliñas abertas, en Romai e Lantaño. A esta última achegámonos para coñecer o seu proxecto educativo. Un modelo diferente, cun ambiente próximo e familiar, un ritmo pausado e no que cada neno e nena medra ao seu ritmo.
Nesta escola hai este curso cinco pequenos. Dende que chegan non paran, aproveitando ao máximo este espazo, con traballos na mesa, tempo para a conversa, actividades en grupo e xogos. Recunchos que, ademais, son moi útiles para fomentar a atención personalizada.
Susana destaca que as unitarias permiten crear un vínculo moi especial con cada un dos nenos e nenas.
Ademais tamén se fomenta o apego á contorna, xerando un vínculo moi especial entre a rapazada e a parroquia. Mostra dese sentimento é Lucía. Ela, de pequena, foi alumna aquí nesta unitaria de Lantaño. Agora, de maior, elixiu esta escola para facer as súas prácticas.
Pero o futuro desta escola, como da unitaria de Lantaño, pende dun fío. Nos dous casos precisan escolarizar máis alumnado para o curso que vén para evitar o peche.
Así que en Lantaño e Romai durante este mes de febreiro abriron as súas portas ás familias para que coñezan as escolas. Xa conseguiron unha nova matrícula, pero precisan máis. Fan un chamamento á veciñanza de Portas e incluso doutros concellos próximos.
O prazo de admisión para o curso que vén abrirá do 1 ao 20 de marzo. Agora, toca agardar e confiar en que esta non sexa a derradeira foto de familia deste pequeno gran lugar.











