25N: Vilagarcía sentencia que ‘o machismo ocupa demasiado espazo nas nosas vidas’

VILAGARCIA> ‘O machismo ocupa demasiado espazo nas nosas vidas’. Este é o lema escollido polo concello de Vilagarcía para o 25N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xéreno. A campaña percorrerá toda a cidade nun dos seus autobuses urbanos. Precisamente, unha condutora do transporte público será a encargada de ler este ano o manifesto este vindeiro mércores. Á causa súmanse tamén Zona Aberta, visibilizando a campaña nos establecementos adheridos á entidade.

Vilagarcía implícase de cheo na loita contra a violencia de xénero coincidindo co 25 de novembro.

A cidade vai visibilizar o seu compromiso coa igualdade coa campaña ‘O machismo ocupa demasiado espazo nas nosas vidas’. Estará presente en varios puntos da vila, en marquesinas, e tamén sobre rodas neste autobús.

Ademais, este ano a lectura do manifesto correrá a cargo dunha condutora do transporte público da cidade, un oficio históricamente masculinizado conquistado xa polas mulleres.

A campaña conta ademais coa complicidade da asociación Zona Aberta.

O programa inclúe ademais outras iniciativas de sensibilización e concienciación, como unha conferencia o 1 de decembro sobre as consecuencias do Essure, método anticonceptivo que se deixou de comercializar en 2017 pero que segue deixando consecuncias nas mulleres que o usaban. O día 2 proxectarase a película ‘Sorry, baby’, en colaboración co Cineclube Ádega.