Pontevedra avanza na renovación de contedores do lixo, que estará rematada a finais de abril

PONTEVEDRA> Pontevedra continúa co despregamento dos novos contedores do lixo. Cos verdes, amarelos e azuis xa repartidos polas rúas, nas próximas semanas instalaranse os marróns, destinados aos biorresiduos, e os grises para os restos, que veñen substituír os colectores que ata o de agora eran completamente de cor verde. A intención do concello é que a substitución de todos estea rematada na última semana de abril.

Os contedores verdes para os residuos que non se poden reciclar teñen os días contados nas rúas de Pontevedra. Nas próximas semanas serán substituídos por uns de cor gris.

O vindeiro luns 2 de marzo comezarán a repartirse 875 unidades de carga lateral e outros 443 de carga traseira, destinados para zonas con pouco espazo, especialmente no rural. A instalación dos marróns para os biorresiduos, comezará a finais de marzo. Serán 355 unidades.

A maiores repartiranse 27.000 folletos que se buzonearán nas vivendas do concello. Aquí, ademais de explicar que se pode depositar en cada colector, tamén se informa dos 32 contedores de aceite doméstico, totalmente instalados, a recollida de pilas e os futuros puntos limpos móbiles que se desprazarán por distintas zonas da cidade. Outro dos cambios refírese ao funcionamento da recollida de voluminosos.

Os que xa se poden ver nas rúas pontevedresas son os novos contedores de cartón e papel, de cor azul, de vidro, verdes e os de envases, que manteñen o amarelo. En total, son 3.177 unidades, sumando os grises e os marróns, as que se renovan no marco do novo contrato de residuos. O remate definitivo da implantación de todos os colectores está prevista para a última semana de abril.