Pontevedra abre a rúa Barreiriñas, que permitirá conceder a licenza de primeira ocupación a medio cento de vivendas

PONTEVEDRA> Pontevedra estrea nova rúa peonil. Trátase da rúa Barreiriñas, que conecta 12 de Novembro e Eduardo Pondal. Hoxe o concello asinou a recepción das obras de ocupación. Un trámite necesario para conceder a licenza de primeira ocupación a 53 vivendas de nova construción neste punto. Esta zona, englobada na denominada Unidade Urbanística 18, acollerá preto de 700 vivendas.

Pontevedra conta cunha nova rúa peonil. O concello asinou hoxe a recepción das obras de urbanización da rúa Barreiriñas, que conecta 12 de Novembro e Eduardo Pondal.

Esta recepción era ademais un trámite imprescindible para poder outorgar a licenza de primeira ocupación a 53 vivendas construídas nesta contorna.

Deste xeito, queda completada a urbanización da coñecida como Unidade de Actuación Urbanística 18. Unha zona que albergará case 700 vivendas.

Neste mesmo sector, que suma 110 vivendas nun dos seus tramos, proxéctase ademais a construción doutras 250 vivendas na mazá de maiores dimensións. Para este bloque, concibido como un proxecto singular, xa foi presentado o proxecto básico e tramitarase a licenza correspondente para o inicio dos traballos. No plano dotacional e comercial, os baixos deste inmoble prevén a apertura dun establecemento da cadea Gadis.