PONTEVEDRA> O encoro do Pontillón do Castro, en Pontevedra, será esta fin de semana escenario da segunda Copa de España de Barco Dragón en distancia de 500 metros. Unha cita que será especial, máis aló do eido puramente deportivo. Na competición participará unha embarcación de usuarias da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama. Será a primeira nave galega deste tipo que participa nunha proba a este nivel.
Esta fin de semana, 65 barcos dragón competirán no encoro pontevedrés do Pontillón na segunda Copa de España de Barco Dragón en distancia de 500 metros. Pero unha destas embarcacións destacará sobre as demais. Porque as súas tripulantes son usuarias da Asociación de Diagnosticadas de Cancro de Mama.
Trátase da primeira ocasión na que unha nave galega de Superviventes de Cancro de Mama participa nunha proba deste nivel. Iniciativa que nace da colaboración entre a Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra e Adicam.
Con esta práctica deportiva poden poñer o corpo a funcionar, conseguindo melloras tanto a nivel psicolóxico como físico.
Precisamente, romper coas vellas crenzas que afastaban aos pacientes de cancro da práctica deportiva é un dos obxectivos de Adicam. A asociación leva 21 anos traballando, 5 en Pontevedra.
Tanto dende Adicam como dende o Cidade de Pontevedra apuntan que se trata dunha actividade que non require de experiencia previa. Por iso animan a todas as mulleres que se atopen nunha situación semellante a que se acheguen ao club para dar ao Barco Dragón unha oportunidade.