SANXENXO> Máis de 120 árbitros de Primeira e Segunda División están concentrados en Sanxenxo. Os colexiados están a formarse no concello, asistindo a diferentes actividades e probas do Comité Nacional de Árbitros. Pero tamén teñen tempo para coñecer a contorna: hoxe visitaron o Pazo de Quintáns, que acolle o Centro Gastronómico Rías Baixas. Fixérono en compañía, entre outros, do alcalde Telmo Martín e do presidente da Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán.
Os árbitros e asistentes da primeira e da segunda divisións españolas fórmanse en Sanxenxo. Máis de 120 colexiados participan nun seminario que se está a desenvolver por primeira vez en Galicia.
As actividades formativas tiveron dous epicentros fundamentais: o campo de fútbol municipal do Revel e o Hotel Carlos I. Hoxe ademais os árbitros e xuíces de liña de Segunda División visitaron o Pazo de Quintáns, para coñecer o Centro Gastronómico Rías Baixas. Á comitiva sumouse o presidente da Real Federación Española de Fútbol, Rafael Louzán.
No marco deste seminario, os colexiados participaron en xornadas técnicas e diferentes actividades formativas para poñer sobre a mesa cuestións importantes do mundo da arbitraxe. Entre elas, as intervencións do VAR ou os criterios de interpretación que en ocasións enfrontan a futbolistas, clubs e afeccionados.
Na visita de hoxe participaron tamén o presidente da Federación Galega de Fútbol e o seu homólogo do Comité Técnico de Árbitros.
Ademais, asistiron representantes dos clubs de fútbol do concello de Sanxenxo.











