O peche de Ence podería ser “inminente”

PONTEVEDRA> Ence pechará as súas portas de maneira inminente se finalmente se aproba a Lei do Cambio Climático. Esta decisión foi trasladada polo presidente da pasteira a todo o persoal. Para evitalo, os traballadores anunciaron hoxe dúas novas mobilizacións. Unha terá lugar en Madrid e a outra na sede do PSOE en Santiago de Compostela.

A aprobación da nova Lei do Cambio Climático provocará o peche inminente de Ence. Así llo comunicou o presidente da pasteira aos traballadores. Os delegados de Comisións Obreiras compareceron hoxe en rolda de prensa para advertir desta situación.

O 31 de marzo é o día decisivo para o futuro de Ence. Nesa xornada votarase a Lei do Cambio Climático no Congreso. No caso de ser aprobada, o Goberno elixiría a un grupo de expertos, que decidirán cales son as empresas que poden continuar coa súa actividade no dominio marítimo terrestre.

Co obxectivo de eliminar o artigo 18 da Lei do Cambio Climático, os traballadores anunciaron hoxe dúas novas manifestacións. A primeira terá lugar o día 5 de marzo en Madrid.

Ademais desta manifestación en Madrid, os traballadores volverán a saír a rúa o día 11. Será cunha marcha a pé que arrancará en Pontevedra e rematará en Santiago de Compostela. O venres día 12, os operarios concentraranse fronte á sede do PSOE na capital galega.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí