PONTEVEDRA> Tamén en Pontevedra, outros espazos solidarios nos que poden facer as súas compras para o Nadal son as tendas que a asociación Boa Vida ten na rúa Santa Clara e na Seca. Está aberta durante todo o ano pero hoxe puxeron en marcha a campaña pensada para estas datas. Neste Nadal buscan chegar a 4.000 familias, presentándose domo exemplo de consumo responsable e xerando oportunidades de inserción laboral a persoas en risco de exclusión.
As Tendas Solidarias que a asociación Boa Vida ten nas rúas Santa Clara e Seca xa están listas para o Nadal. Hoxe comezou a campaña especial co gallo destas datas. Desenvolverase ata o 9 de xaneiro co lema ‘Boa Vida leva a ilusión máis lonxe’.
Como obxectivo, este ano a entidade quere chegar a máis familias, a máis entidades, a máis empresas e a máis regalos. Centrando a súa campaña no acto de agasallar de xeito sustentable, cun consumo responsable que xera, ademais, oportunidades de inserción laboral.
Boa Vida busca chegar neste 2026 a 4.000 fogares, con especial atención á infancia. Na tenda da Rúa da Seca reservarase un espazo de xoguetería con prezos dende 1 euros e bonos regalo para familias que participaron nos programas da entidade.
Dende a asociación recordan tamén que as doazóns poden entregarse directamente nas tendas solidarias. Ademais, empresas e institucións colaboradoras habilitarán cestas de recollida nos seus establecementos para que o persoal poida achegar xoguetes e outros obxectos axeitados para regalar este Nadal.











