A oposición rexeita a cuestión de confianza presentada por Rianxo en Común

RIANXO> O goberno de Rianxo en Común, en minoría, quedouse só na cuestión de confianza á que se someteu no pleno extraordinario celebrado o pasado venres pola noite para poder aprobar os orzamentos municipais para este ano 2024.

O resto dos grupos con representación na corporación votaron en contra, polo que as contas quedaron sen aprobar.

Cabe lembrar que a medida foi tomada polo equipo de goberno a semana pasada ante a imposibilidade de sacar adiante o seu proxecto orzamentario.

Pero os tres grupos na oposición non estaban pola labor.

Criticando a falla de diálogo do rexedor e a súa incapacidade para recadar os apoios necesarios para sacar adiante o orzamento.

Na réplica, o alcalde aproveitou para facer un repaso do primeiro ano de goberno en minoría, un feito que non supuxo atranco algún, segundo el, para que o Concello seguise traballando e sacando adiante proxectos.

Tamén negou que non houbese diálogo, pois reuniuse en varias ocasións cos grupos de oposición e mesmo os convidou a realizar propostas ó borrador do documento orzamentario, que algúns obviaron.

Ábrese agora un período dun mes para presentar unha candidatura alternativa e un presuposto.

Algo que parece improbable, como xa deron a entrever varios dos grupos.

De non presentarse, o orzamento presentado por Rianxo en Común será aprobado de xeito automático ó rematar o prazo establecido por Lei.