CAMBADOS> A Asociación Esmar prepárase para conmemorar o 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres. Aínda que van facer un obradoiro en Ribadumia, o groso da súa programación céntrase en Cambados. Destaca unha campaña de sensibilización na que agardan a implicación duns 200 negocios da vila. Nos seus escaparates vaise despregar material informativo con acceso a un código QR con palabras e definicións vinculadas a esta lacra. Unha iniciativa que, ademais, busca fomentar a normalización do galego tamén neste ámbito.
Carteis como estes encherán os escaparates de Cambados nas vindeiras datas. Son os elementos divulgativos dunha campaña impulsada por Esmar en colaboración co concello. Hai case unha vintena de carteis diferentes, que inclúen palabras e definicións vinculadas á lacra da violencia de xénero e á loita pola igualdade. Ademais, busca tamén dinamizar o uso do galego.
A iniciativa conta ademais cun código QR que dá acceso a máis información. Esta campaña forma parte da programación de Esmar con motivo do 25N, o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as mulleres.
Ademais, haberá un obradoiro en Ribadumia e, de volta en Cambados, dúas propostas máis: a xa clásica gala de ESMAR o 5 de decembro e antes a presentación do libro ‘Miedo’ de Inés Dozo o 20 de novembro.
Dende o concello de Cambados agradecen o compromiso de ESMAR coa igualdade ao longo de todo o ano.
Ademais, a propia concellería de Igualdade deseñou o seu propio programa de actividades co gallo do 25N que, entre outras iniciativas, inclúe unha concentración coa lectura do manifesto o propio día 25.











