Vandalizan os aseos do parque Torrado de Cambados uns días despois da súa reapertura

CAMBADOS> Indignación en Cambados cos actos vandálicos no parque de Torrado, só unha semana despois da súa inauguración. Os novos aseos públicos foron obxecto dun ataque, estragando a porta ou o falso teito. O concello estuda agora instalar cámaras de vixilancia nesa zona para evitar novos episodios. O alcalde fai un chamamento a respectar os bens públicos, lembrando que son de todos.

Este aseo público do parque de Torrado permanece pechado dende que foi vandalizado. Uns actos que tiveron lugar tan só unha semana despois da reapertura deste espazo, tras os traballos de mellora do pazo, os xardíns e o parque. O alcalde cambadés lamenta este tipo de ataques.

No caso de Torrado, neste aseo estragaron a porta e o falso teito. No mesmo recinto tamén danaron a porta do pombal e un banco.

Para evitar que escenas deste tipo se volven repetir, o alcalde avanza que están a estudar a instalación de cámaras de videovixilancia.

Ademais, van impulsar unha campaña de concienciación entre a rapazada, partindo dunha actividade organizada este mesmo venres polo colexio de Vilaniño.

Nos últimos meses, tamén se rexistraron actos vandálicos en Cambados na igrexa de Fefiñáns, no obradoiro de emprego, no miradoiro da Barca en Castrelo, no miradoiro de Refoxos, e por dúas veces no da Seca, en Corvillón.