Un incendio en Mollavao calcina unha caseta de obra ocupada por indixentes

PONTEVEDRA> Un incendio calcina por completo unha caseta de obra ocupada por indixentes. O suceso produciuse esta mañá en Pontevedra, máis concretamente no antigo depósito do guindastre de Mollavao.  Por sorte, non houbo que lamentar danos persoais.

Ata aquí desprazáronse os Bombeiros de Pontevedra e os efectivos da Policía Local. As tarefas de extinción prolongáronse durante dúas horas. Segundo a persoa que vivía no seu interior, o incidente comezou no sofá, pero polo de agora descoñécese cal puido ser a orixe do lume.

Segundo fontes veciñais, esta caseta estivo relacionada hai unhas semanas cun delito de tráfico de drogas. Un feito que se saldou coa detención de catro persoas por parte da Policía Nacional.

A última hora da tarde os Bombeiros tiveron que volver a achegarse ata este lugar tras recibir unha chamada na que se alertaba de que as chamas volvían a avivarse. Así e todo, o incendio quedou completamente sufocado e, por sorte, non houbo que lamentar danos persoais.