A artista Maritza Berttolini reivindica o feito a man cun cartel bordado para o Salón do Libro 2026

PONTEVEDRA> O Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra xa ten imaxe para este 2026. O cartel da edición deste ano, Que non pare a música!, foi presentado esta mañá no concello. En tempos da intelixencia artificial, a peza asinada pola artista Maritza Berttolini reivindica o traballo artesán: totalmente feito a man, aposta pola técnica do bordado.

Xa coñecemos a imaxe do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra para este 2026.

A peza está asinada pola artista Maritza Berttolini, mexicana afincada en Pontevedra dende hai seis anos.

Berttolini representa no seu deseño todos os elementos do salón deste ano, que leva por título ‘Que non pare a música! A música será, polo tanto, o tema central das propostas e Palestina será a cultura convidada.

O cartel é, en si mesmo, unha reivindicación. Berttolini emprega o bordado para dar forma ás imaxes, apostando polo traballo artesán e 100% feito a man.

A vixésimo sétima edición do Salón do Libro de Pontevedra desenvolverase do 6 ao 22 de marzo no Pazo da Cultura.