A última modificación eleva o orzamento de Pontevedra ata os 165,5 millóns, o máis elevado da súa historia

PONTEVEDRA> O deste 2026 xa é o orzamento máis elevado da historia do concello de Pontevedra. As contas acadan os 165,5 millóns de euros trala última modificación de crédito acordada co PSOE e que se aprobará no vindeiro pleno, que permitirá incorporar 11,17 millóns. Ata o de agora, o máis alto fora o do ano pasado, cando se superaron os 158 millóns de euros. Segundo o edil de Facenda, este dato supón que o concello pontevedrés inviste 2.000 euros por cada habitante do municipio. Todo, destacou Raimundo González, nun contexto de débeda cero e impostos conxelados.

O vindeiro luns o pleno municipal de Pontevedra dará luz verde á última modificación de crédito pactada entre o BNG e PSOE. Un acordo que permitirá incorporar 11,17 millóns de euros ao orzamento municipal deste 2026, elevándoo ata os 165,5 millóns e converténdoo no máis alto da historia do concello.

Tamén é de récord a partida destinada aos investimentos. Acada os 58,5 millóns de euros e, dixo González, a maioría dos proxectos contemplados contan xa con redacción finalizada ou en fase avanzada de tramitación.

Esta operación financiarase a través do remanente líquido de tesourería. Partindo duns fondos de case 52 millóns de euros procedentes da liquidación de 2025, despois das incorporacións realizadas aínda queda un colchón de 2,6 millóns de euros. Todo nun contexto, dixo o edil, de débeda cero e impostos conxelados.

Esta modificación orzamentaria contempla partidas como os 2,9 millóns para parques infantís, xardíns e zonas verdes, que inclúe intervencións na marisma de Alba ou a Vía Verde; os 2,5 millóns para reurbanizacións, destacando a reforma da rúa Altamira e Vilar Ponte; os 1,2 millóns para Pasarón ou o Manolo Barreiro, ou o millón reservado para financiar o desdobramento da rede de pluviais na rúa Xosé Malvar.