PONTEVEDRA> O Concello de Pontevedra aprobou hoxe as bases da convocatoria Supera20. Unhas axudas que naceron pola crise da Covid e que están dirixidas ás micro pemes e autónomos. En total, 1.250.000 euros que serán repartidos antes de que remate o ano.
“Supera20”, ese é o nome das axudas que o Concello de Pontevedra repartirá entre os autónomos e micro pemes da cidade. Unhas subvencións que nacen co obxectivo de paliar as consecuencias económicas da crise da Covid. As bases foron aprobadas esta mañá en Xunta de Goberno. O importe total ascende a 1.250.000 euros e a contía máxima que poderá acadar cada beneficiario é de 5.000 euros.
Estas axudas están dirixidas aos autónomos, ás entidades de economía social e as micro empresas que empreguen a menos de 10 persoas. Todos eles deberán acreditar que non tiveron actividade durante o estado de alarma.
Nas bases destas axudas, o Concello establece 5 categorías de actuacións. É dicir, o goberno local subvencionará todos os investimentos que estean dirixidos á dixitalización e implantación de tecnoloxías; á mellora na accesibilidade dos establecementos; á renovación, embelecemento e ornato dos locais; á redución do consumo de enerxía; e outras actuacións como a adquisición de mobiliario. Ademais, para o reparto destas axudas terase en conta o coñecido como “esforzo máximo”.
Cabe destacar que a porcentaxe subvencionable poderá chegar ata o 70% do custe da actuación. Todos os que queiran optar a estas axudas deberán inscribirse na Sede Electrónica do Concello. O obxectivo do goberno local é poder repartir estas subvencións a partir do mes de novembro. Ademais, o Concello non descarta a posibilidade de realizar unha segunda convocatoria destas axudas.