PONTEVEDRA> O barco encargado de inspeccionar o pecio do Villa de Pitanxo está dende onte camiño a Terranova. Pero lonxe de ser unha boa nova para as familias dos 21 falecidos, a decisión de partir preocúpaos e moito. O buque comezou a viaxe coa autorización do Ministerio de Transportes pero non da Audiencia Nacional, quen coordina a investigación. Agora temen que isto poida invalidar as probas que se recaben no Canadá. Por iso hoxe reclamaron ante o xuíz o regreso do barco.
Lonxe do que se puidera pensar a partida onte do barco encargado de inspeccionar o pecio do Villa de Pitanxo a Terranova non é unha boa nova para as familias dos 21 mariñeiros falecidos.
O buque saíu do porto de Vigo sen autorización da Audiencia Nacional, que coordina a investigación. Si contaba co permiso do Ministerio de Transportes, quen contratou o servizo. Hoxe as familias enviaron un escrito ao xulgado no que solicitan o seu regreso a porto.
A bordo do barco viaxan tres peritos: un nomeado pola Audiencia Nacional, outro da Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos e un terceiro, en calidade de observador, da Axencia Europea de Seguridade Marítima. Pero faltarían un segundo perito xudicial e un de parte, solicitado polas familias. Temen que esta xestión poida afectar á validez das probas que se recaben en Terranova.
As familias aseguran tamén que hoxe intentaron contactar coa Delegación do Goberno pero que lles colgaron o teléfono. Pola súa banda, dende o executivo central defenden que cumpriron co seu compromiso.
Dende a Audiencia Nacional confirman que o xuíz Ismael Moreno non autorizou a saída do buque. Tamén que recordou ao Ministerio de Transportes que era o xulgado quen debía coodinar a expedición, a data de partida e os peritos que irían a bordo.