PONTEVEDRA> Avanzan as obras do Teatro Principal de Pontevedra. Unha rehabilitación que, cando estea rematada, fará o edificio máis accesible e moderno. Terá un novo ascensor, aseos adaptados, e no patio de butacas reservaranse catro espazos para persoas en cadeira de rodas. Así, a capacidade pasará das 434 prazas ás 410. A obra conta cun investimento de máis dun millón de euros e calcúlase que podería estar rematada na primavera do 2027.
A rehabilitación do Teatro Principal de Pontevedra podería estar rematada na primavera do vindeiro ano. Son os cálculos que fan dende o goberno local aínda que o alcalde advirte: a prioridade é que o resultado sexa o mellor.
O concello inviste nestes traballos máis dun millón de euros. A intervención foi motivada polo desprendemento do falso teito do anfiteatro o pasado 20 de marzo. Agora, a escaiola vai ser substituída pola madeira.
Tamén se vai actuar no patio de butacas. Instalaranse unhas novas, adaptadas á normativa vixente. Ademais, a capacidade pasará das 434 ás 410, reservando catro espazos para persoas en cadeira de rodas.
Estas actuacións súmanse a outras que xa estaban en marcha como a instalación dun novo ascensor para garantir a accesibilidade a todos os andares, a renovación integral dos baños con aseos ostomizados e a impermeabilización das terrazas.
Aínda que, como diciamos, o Teatro Principal permanecerá pechado ao público ata, polo menos, a primavera, si funcionará como colexio electoral o vindeiro 29 de novembro. Empregarase o vestíbulo, coas súas garantías de accesibilidade xa operativas.










