VILAGARCÍA> A situación dos celadores do Hospital do Salnés chegará ao Parlamento de Galicia. O BNG mantivo esta mañá un encontro cos representantes destes traballadores para recoller as súas demandas e trasladalas á cámara galega nunha proposición non de lei. A principal reclamación é o incremento do cadro de celadores.
Esta é a situación que a diario viven os 27 celadores que traballan no Hospital do Salnés. Entre eles cubren todas as quendas e todos os servizos de luns a domingo. O persoal é insuficiente para desenvolver todas as súas funcións; por iso reclaman que se amplíe o cadro.
O BNG levará esta reclamación ao Parlamento de Galicia. Presentarán unha proposición non de lei para o seu debate en comisión, relativa á necesidade de ampliar o persoal.
Dende a formación aseguran que a falta de persoal eleva a carga de traballo dos celadores, algo que empeora a atención que lle poden prestar aos doentes. Tamén denuncian a discriminación deste colectivo, xa que dende a dirección do Hospital solicitouse a contratación de máis persoal, excepto na categoría de celadores.