MADRID> Aproveitando a celebración de Fitur, representantes da Mancomunidade e todos os alcaldes do xeodestino do Salnés asistiron a un encontro con empresariado da China en España. O organismo comarcal leva tempo traballando para fortalecer os lazos de cooperación coas principais organizacións empresariais do xigante asiático. En xogo, ademais de alianzas turísticas, novas relacións económicas en sectores comerciais estratéxicos, como o vitivinícola ou o da conserva.
O Salnés segue tecendo lazos coa China. Aproveitando a celebración de Fitur, representantes da Mancomunidade e os oito alcaldes do xeodestino do Salnés asistiron a unha cea con representantes das principais organizacións empresariais do xigante asiático en España.
Pero máis alá desas alianzas en materia de turismo o encontro serviu para seguir avanzando no impulso das relacións comerciais en sectores clave para a comarca, como o vitivinícola ou o da conserva.
Este novo encontro ten lugar apenas dous meses despois de que as principais organizacións empresariais chinesas en España visitasen O Salnés.
O encontro tivo lugar nun restaurante en Madrid, onde a comida tradicional chinesa maridou co albariño de Rías Baixas. Unha cita que, ademais, tivo lugar ás portas do ano novo chinés, que arrancará o vindeiro día 29 deste mes.











