Jennifer López interpretará en Pontevedra os grandes éxitos da súa carreira

PONTEVEDRA> Jennifer López actuará o 8 de xullo en Pontevedra. A cantante estadounidense escolle a cidade do Lérez para arrancar en España a súa xira Up all night, despois de cinco anos sen pasar polo estado. Pouco se sabe deste concerto de relevancia internacional, que será no parque de Tafisa e no que Jennifer López interpretará os grandes éxitos da súa carreira. Pendentes aínda de que se publique a capacidade do recinto e se anuncie a saída á venda das entradas e os seus prezos, agárdase que sexa multitudinario.

Up all night, a xira europea de Jennifer López arrancará en Pontevedra. Será o 8 de xullo no Parque de Tafisa.

Polo de momento, pouco máis se sabe deste evento de relevancia internacional. A organización aínda non fixo públicas cuestións como cal será a capacidade do recinto, cando se porán as entradas á venda ou cal será o seu prezo.

Si que se explicou hoxe que a celebración do festival Big Sound, tamén promovido por Play Plan, no parque de Tafisa os días 11 e 12 de xullo facilitou o desembarco de Jennifer López na cidade. O seu concerto aproveitará parte da montaxe.

Tampouco se desvelou cal é o custo de traer á artista do Bronx ata a cidade do Lérez. Así as cousas, concello e promotora están convencidos de que o evento será multitudinario e pagará a pena.

Tralo seu paso por Pontevedra, a intérprete de temas como On the floor, El anillo ou Jenny from the Block, actuará en Cádiz, en Málaga, en Barcelona e en Bilbao.