PONTEVEDRA> As farmacias pontevedresas súmanse á loita activa contra a violencia machista. Hoxe comezou a posta en marcha do programa de intervención do farmacéutico en materia de violencia de xénero, unha iniciativa que supón a implantación do punto violeta entre as máis de 400 oficinas de farmacia que se queiran sumar. Unha medida que pode ser clave en moitos casos, sobre todo no rural.
Os ‘Puntos Violeta’, os espazos seguros e de atención para as vítimas de violencia machista, chegan ás farmacias de Pontevedra. As que o desexen poden sumarse ao programa de intervención do profesional farmacéutico en materia de violencia de xénero.
No seu marco, o Colexio de Farmacéuticos ofrecerá formación específica aos seus colexiados para que coñezan os recursos e saiban como abordar os diferentes casos. Ademais, capacitaranse as farmacias comunitarias para que funcionen como puntos violeta. As que se adhiran ao programa estarán identificadas cun adhesivo.
Esta é unha iniciativa pioneira en Galicia, onde non existía adhesión autonómica á rede de farmacias Puntos Violeta en España. O subdelegado do Goberno en Pontevedra destacou a dimensión territorial do programa, sobre todo para as zonas rurais.
Na provincia de Pontevedra hai 437 oficinas de farmacia que poderán sumarse a esta iniciativa para loitar contra a violencia machista.










