A Pobra dará a coñecer a súa vinculación mariñeira nunha nova edición da Semana do Mar

POBRA> A edición deste ano da Semana do Mar da Pobra seguirá un esquema semellante ó de anos anteriores. O éxito da iniciativa, organizada dende o departamento de Turismo, fai que non sexa necesario introducir moitos cambios.

O obxectivo non é outro que dar a coñecer o vínculo que ten a localidade co mar. 

Entre as actividades programadas volverá a organizarse o tradicional mercado mariñeiro no que tomarán parte ó redor duns 40 postos.

O resto das propostas serán de novo do máis diversas dirixidas a todo tipo de públicos. haberá sesión de teatro infantil, visitas ó Club Remo Puebla para coñecer este deporte tradicional ou tamén á praia dos Raposiños, para coñecer o oficio do marisqueo.

Tamén se programará un itinerario guiado polo historiador Manuel Gago para explorar a memoria e as historias da cultura marítima no municipio.

A maior parte da programación está suxeita a grupos limitados, polo cal é necesaria a inscrición previa. Para máis información ou inscricións os interesados poden dirixirse á oficina do turismo, situada no parque do Castelo.