A POBRA> A Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza segue a buscar o apoio dos concellos na súa defensa da calidade asistencial no sistema sanitario pública. Desta volta rexistraron unha moción no concello da Pobra tras unha mobilización que partiu dende os xardíns Valle-Inclán ata a casa consistorial.
Como cada xoves, os pobrenses saíron á rúa para defender a sanidade pública. Motivos non lle faltan posto que é un dos únicos concellos de Galicia, xunto con Rianxo, nos que o PAC permanece pechado en quenda de tarde.
Esta situación vese aínda máis agravada dende hai un mes posto que non se procedeu á cobertura dunha baixa de longa duración. Unida ás vacacións e permisos doutros médicos hai períodos, como esta semana, nos que tan só hai tres facultativos de seis.
Ó igual que xa fixeran a pasada semana en Ribeira, os membros da plataforma presentaron unha moción no rexistro da Pobra reclamando o apoio do pleno nas súas reivindicacións.











