Ferido grave un octoxenario nun accidente entre o tractor que conducía e un turismo

RIBEIRA> Grave accidente o acontecido este luns na estrada entre Ribeira e Olveira, ó seu paso por Artes. Un octoxenario que se incorporaba á vía a bordo dun tractor foi alcanzado por un turismo, resultando ferido de gravidade.

Pasadas as nove da mañá producíase o accidente nesta estrada entre Ribeira e Olveira, á altura da parroquia de Artes. Un veciño de 80 anos manobraba para sacar o tractor do seu garaxe cando foi alcanzaba por un vehículo que circulaba pola estrada en dirección a Ribeira. O impacto foi tal que o motocultor quedou partido pola metade, causando danos no portal dunha vivenda próxima.

Precisamente foron os propietarios desta vivenda os encargados de asistir á vítima antes de que chegaran os equipos de emerxencia. O home, aínda que estaba consciente, sangraba abundantemente pola cabeza. Foi trasladado en ambulancia ata o hospital do Barbanza, onde posteriormente derivárono ó Clínico de Santiago. Inicialmente presentaba varias costelas rotas e múltiples contusións.

Pola súa banda, a condutora do outro vehículo implicado, veciña de Olveira, resultou ilesa a pesar dos graves danos rexistrados no turismo. Ademais dos equipos sanitarios, ata o lugar desprazáronse varias dotacións da policía local, bombeiros e o GAEM de Ribeira así como as patrullas da Garda Civil de Tráfico.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí