RIBEIRA> O mal tempo e a chuvia non foron impedimento algún, e a resposta social á convocatoria de folga por parte da CIG en Ribeira foi masiva.
Dáse a circunstancia de que era a única mobilización convocada no Barbanza, polo que a ela acudiron centos de veciños e traballadores de distintos municipios da comarca.
O inicio da marcha tiña lugar ás doce da mañá dende o mercado municipal, para percorrer posteriormente as diferentes rúas do casco urbano, para regresar ó punto de partida.
Durante a manifestación non deixaron de escoitarse berros e consignas en favor da folga xeral, para esixir mellores condicións laborais e frear a perda de poder adquisitivo.
Entre os asistentes á manifestación atopábase tamén unha ampla representación do BNG, con portavoces locais, edís e militantes da formación frentista, á que acudiu tamén a deputada no Parlamento Galego, e candidata número 2 do BNG ó Congreso pola provincia da Coruña, Rosana Pérez.











