RIBEIRA> Tralo rexeitamento da oposición a aprobar os orzamentos, o executivo ribeirense levará a pleno un suplemento de crédito para facer fronte ás áreas deficitarias. Aínda así, o alcalde iniciou as negociacións co BNG para tratar de chegar a acordo co fin de sacar adiante os presupostos.
Con apenas marxe de manobra, o alcalde de Ribeira tentará aprobar os orzamentos do presente exercicio para evitar unha prórroga presupostaria que suporía graves consecuencias, especialmente en certos servizos municipais deficitarios que non poderían asumir o incremento da inflación.
O alcalde xa mantivo conversas co BNG co fin de lograr, polo menos, a súa abstención antes do próximo martes, data límite para aprobar os orzamentos. Mentres tanto, convocou un pleno para o luns no que se debaterá un suplemento de crédito por importe próximo ó millón de euros, correspondente ós tributos do estado. Sería esta proposta un parche para asumir o gasto de persoal, asistencia domiciliaria e comedor escolar.
Aínda así, dende o goberno aspiran a chegar antes a acordo cos nacionalistas, o que suporía a retirada deste punto e a inclusión por vía de urxencia da proposta orzamentaria