RIBEIRA> O Conselleiro do Mar visitou esta mañá a confraría de Aguiño para coñecer os novos equipamentos que vén de adquirir grazas a unha subvención autonómica. O principal é un vehículo para trasladar as redes das embarcacións cerqueiras, presupostado en máis de 400 mil euros.
O novo vehículo que vén de adquirir a confraría de Aguiño facilitará o traslado das redes para as embarcacións do cerco. A súa compra foi posible grazas a unha liña de subvencións para as confrarías convocada pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro.
Ademais dos novos equipamentos, a administración autonómica realizará outros investimentos nas instalacións portuarias como a mellora da cuberta da nave de redeiras, a construción pantaláns ou a rehabilitación da sede da confraría.
A estas actuacións súmanse as de eficiencia enerxética que acometerán as confrarías tanto de Aguiño como de Ribeira.











