PONTEVEDRA> Mentres a manifestación do comité unitario de folga chegaba ao seu fin ante a delegación da Consellería de Vivenda na cidade, na Praza da Ferrería arrancaba ás 12 do mediodía a segunda convocatoria da xornada. Desta volta o chamamento estivo encabezado pola CIG e contou tamén coa participación do Colectivo pola Vivenda de Pontevedra. Unha manifestación que mobilizou tamén a milleiros de persoas.
Máis de 6.000 persoas colocáronse trala pancarta da CIG na manifestación das 12 do mediodía, a segunda desta xornada de folga xeral en Pontevedra.
‘Galiza en loita. Por unha vida digna’, foi o lema que mobilizou á cidadanía para reclamar melloras salariais, acceso a unha vivenda digna e medidas fronte ao encarecemento da vida.
A manifestación partiu da praza da Ferrería e percorreu o centro da cidade para rematar na Peregrina. Entre os participantes na mobilización estaban varios concelleiros do goberno local de Pontevedra. Tamén o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores.











