Recuperan case 200 pezas de arte sacro dirixidas ao comercio ilegal

PONTEVEDRA> Case duascentas pezas de arte sacro e oito detidos. É o balance que deixa a operación Cinquecento-Templo Sagrado que a semana pasada permitiu desartellar un grupo relacionado co comercio ilegal deste tipo de obras. Desenvolveuse en Pontevedra e Ourense e permitiu botar luz sobre un cento de roubos en igrexas, pazos e ermidas. A Garda Civil traballa agora para aclarar a orixe de todas as pezas. O operativo continúa aberto.

Case 200 pezas de arte sacro foron recuperadas pola Garda Civil no marco da Operación Cinquecento-Templo Sagrado, desenvolvidas en Pontevedra e Ourense.

Entre as pezas localizadas hai 117 obras de arte sacro dos séculos XVI a XVIII, 21 ornamentos litúrxicos e efectos eucarísticos e 3 libros misais do século XVII. O valor de moitas delas é difícil de calcular. Destaca unha imaxe da Virxe do XVII, valorada en 30.000 euros.

No operativo traballaron de xeito conxunto a Garda Civil de Pontevedra e a de Ourense. Continúa aberto pero ata o de agora xa foron detidas oito persoas. Delas, dúas foron enviadas a prisión sen fianza mentres que unha terceira poderá evitar o cárcere tralo pago de 20.000 euros de fianza.

Seis dos oito detidos son galegos, de Pontevedra, Poio, Carballiño, Maside, Punxín e Ourense. Os outros dous son portugueses pero veciños de Ourense e Pontevedra. Teñen entre 18 e 67 anos e atribúenselles varios delitos: roubo con forza, receptación, danos ao patrimonio histórico español, pertenza a grupo criminal, tenza ilícita de armas e contra a seguridade viaria.